SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Iago, Víctor, Eloy (Ismael min.46), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés, Nando.
MUROS SD: Lupi, Iván (Usco min.94), Miguel (Javi min.93), Teo, Mayuyo, Dani, Manu, David (Gabo min.75), Toni, Gelo (Gael min.68), Cexo.
Árbitro: Fernández Liñares. Estivo moi ben durante todo o encontro, seguindo o xogo de cerca, dialogante cos xogadores e aplicando o mesmo criterio para ámbolos dous conxuntos. Sen embargo, na segunda metade houbo dúas accións polémicas, unha en cada área: no min.55 sinala penalti a favor do Muros por un presunto derribo de Suso a Toni cando o porteiro local chega claramente ao esférico antes co dianteiro, e no min.92 concede un "gol fantasma" ao Malpica moi dubidoso.
Incidencias: Pouco público na Pedra Queimada (pouco máis de 50 espectadores), nunha tarde soleada e cun vento que se deixou notar. Non houbo expulsados. O defensa visitante Iván retirouse con problemas musculares.
Goleadores: 0-1 (min.4): Pase en profundidade sobre Toni que se cola pola parte esquerda da área e bate a Suso de tiro raso que se cola polo primeiro pao. 1-1 (min.89): Penalti por unhas inocentes mans do visitante Gael que transforma Neucha dun potente disparo. 2-1 (min.92): Saque de esquina executado por Nando dende o córner dereito do ataque malpicán que cabecea David Blanco, da na parte interior do longueiro e bota sobre a líña de gol, interpretando o colexiado que a rebasara totalmente.
Crónica: Despois de superar ao Alcaián na fase previa, o Malpica debía de enfrontarse ao Muros nos dezaseisavos de final, coxunto moi potente (atópase terceiro na liga da costa) e que non se lle da nada ben aos malpicáns. Os locais contaban con dúas baixas en defensa para afrontar este partido de ida: Marco (sancionado) e Diego (lesionado). A contenda comenzaba mal para os intereses do equipo adestrado por Manuel Agilda, pois aos cinco minutos xa ían perdendo por un gol, pero lonxe de virse abaixo, mantiveron a cabeza fría e comezaron a dominalo encontro. O Malpica fíxose co control do esférico no mediocampo, logrando unha profundidade en ataque maior que en xornadas precedentes onde a posesión de balón non se materliazaba en ocasións, e así sucedéronse numerosas oportunidades de gol, tanto mediante xogadas polas bandas como en balóns en profundidade, pero non tiveron fortuna de cara a portería, destacando as seguintes: unha internada de Cheo por banda dereita tras un pase de Charlie pero o seu disparo marcha alto; un pase en profundidade de Cheo sobre David Blanco que lle gaña ás costas á defensa do Muros pero non consegue bater a Lupi no man a man; pase de Cheo cara Neucha que remata dende o borde da área pequena pero Lupi realiza unha sensacional estirada; e un cabezazo no segundo pao de Neucha tras un centro de Cheo que detén outra vez Lupi. O Muros atrasou líñas, pero tivo dúas boas ocasións ao contragolpe para marcar: unha tras unha mala cesión de Víctor cara Suso que intercepta Cexo pero a súa vaselina é atallada polo gardameta, e un man a man de Cexo tras un pase en longo que Suso volve a salvar.
Na segunda parte o dominio local foi ainda maior a medida que pasaban os minutos, metendo ao Muros na súa parcela do campo, controlando por completo o encontro, pero volveu a faltar puntería. Combinaron ben en tódalas zonas do campo, chegando con relativa facilidade á zona de tres cuartos, desbordando constantemente nas bandas aos seus pares e chegando en numerosas ocasións á área visitante, ante un conxunto visitante que non logrou disparar a porta nos segundos 45 minutos en ningunha ocasión, salvo nunha pena máxima (mal sinalada polo árbitro) que Cexo mandou ao poste esquerdo da portería defendida por Suso. O Malpica sumou numerosas oportunidades claras de gol: un potente disparo de Neucha dende o corazón da área que Lupi manda a saque de esquina tras un paradón; unha internada de Cheo por banda dereita pero o seu disparo sae fóra por pouco; nova xogada de Cheo que pasa a David Blanco pero tira ao pao; e un tiro de Neucha que se cola entre as pernas de Lupi pero a defensa do Muros salva na líña de gol. Cando parecía que o resultado non se ía mover debido ao gafe que semellaba telo conxunto malpicán de cara a gol, o fútbol fixo xustiza e conseguiron remontar nos derradeiros minutos de partido.
Gran partido o que disputou a SCD Malpica na tarde do sábado ante o Muros, pero cun resultado que, ainda que positivo, quedou curto visto os méritos dun e doutro equipo. Con este 2-1 a eliminatoria queda totalmente aberta para o partido de volta que terá lugar o vindeiro sábado.
0 comentarios:
Publicar un comentario