SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Nando (Casais min.82), Neucha, Cheo, David Blanco, Andrés (Ismael min.47), Eloy (Manu Pardo min.48).
CD NANTÓN: Martín, Diego, Cristian, Félix, Sito, Carlos Vidal, Fabio (Martín Suárez min.91), Víctor Amado, Luis, Manolo Cruceiro (Rubén min.83), Javi.
Árbitro: Hermo Alonso. Boa labor a que desenvolveu na tarde de onte, dialogante cos xogadores, sen abusar dos cartóns e moi encima do xogo. Indicou unha pena máxima a favor do Malpica por derribo claro de Carlos Vidal a Cheo antes do descanso. Sen embargo, equivocouse ao non indicar outro penalti a prol dos malpicáns cando no minuto 50 Neucha interna na área nunha boa xogada individual resultando derribado por Félix que se desentende totalmente do balón. O colexiado estivo ben asistido por Lorena Sánchez e Eloy Galán que non tiveron complicacións.
Incidencias: Gran ambiente na Pedra Queimada, con máis de 200 espectadores que animaron aos locais dende o primeiro minuto ata o final. Tarde soleada pero cun forte vento que condicionou notablemente o xogo. O mediocentro malpicán Andrés tivo que ser sustituido por problemas físicos na planta do pé esquerdo. Non houbo expulsións.
Crónica: Comezaban os oitavos de final desta edición da Copa da Costa para a SCD Malpica que viña de eliminar na rolda anterior ao Muros, un dos grandes favoritos. O rival era o Nantón, equipo moi perigoso (é o actual campeón da Terceira Rexional) e que eliminara a O Pindo en dezaseisavos. O adestrador local, Manuel Agilda, contaba coa única baixa do capitán Marco, lesionado nun abductor. O encontro estivo totalmente condicionado polo forte vento de nordés que soplou durante os 90 minutos (na primeira metade a favor do Malpica), que dificultaba enormemente o xogo combinativo, provocaba numerosos erros de cálculo sobre a traxectoria do balón e facía moi complicado ter precisón nos pases en profundidade. Os locais non estiveron moi finos na primeira metade, pois a pesar de controlala posesión non lograron movelo esférico con fluidez, pois quizáis faltou algo de movilidade, e abusando a veces do balón en longo. Si lograron mandar varios centros á área visitante dende as bandas, pero que case nunca atoparon rematador ou ben eran atallados por un atento Martín. Resultado de tal circunstancia foi que non dispuxeron de moitas ocasións de gol, destacando dúas: un disparo dende a frontal da área de Andrés que saiu rozando o pao dereito e un disparo de Charlie tras un pequeno barullo na área que rexeitou un defensa na área pequena. O Nantón mostrouse como un equipo correoso, con moita intensidade dende o primeiro minuto, pero con falta de fútbol para sacalo coiro controlado, e por iso tentaban de crear perigo mediante envíos en longo e a balón parado. Non obstante, apenas lograron chegar á área de Suso e non tiraron con perigo entre os tres paos durante os primeiros 45 minutos. Unha das claves do encontro chegaría preto do descanso, cando o malpicán Neucha mandou alto un penalti cometido sobre Cheo.
No segundo acto o Malpica saiu cun punto máis de intensidade e de movilidade, pois co ritmo lento do primeiro quedou demostrado que ían ter dificultades para marcar. Pero o vento en contra puxo moitas trabas ao fútbol que pretendían desenvolver, e a pesar de sacar case sempre o balón controlado dende atrás as imprecisións foron numerosas. Conseguiron chegar con relativa facilidade a zona de tres cuartos de campo, creando perigo especialmente por banda dereita, pero volveu a faltar acerto nos metros finais para aproveitar as internadas e centros. Contaron con poucas oportunidades claras: unha xogada de Cheo pola dereita que penetra na área pero o seu disparo raso rexéitao Martín e un disparo de Neucha coa perna dereita á altura do punto de penalti pero que sae frouxo e atalla o propio Martín. O Nantón continuo ben organizado, xuntando moitos homes no mediocampo e deixando a un ou dous xogadores para tratar de sorprender con envíos longos, aproveitando o feito de ter o aire a favor, pero apenas crearon perigo. Sen embargo, tiveron unha ocasión moi boa para marcar tras un centro ao segundo pao onde se atopaba Luis que cede atrás para Víctor Amado que dispara fóra cando se atopaba nunha posición franca para marcar.
Ao final, como case sempre que o vento como o de onte fai acto de presencia na Pedra Queimada, o resultado foi de 0-0, deixando a eliminatoria totalmente aberta. A SCD foi superior, pero atopouse cun Nantón ben armado e con xogadores moi veteranos que non perderon a compostura en ningún momento, ademais de faltarlle un pouco de intensidade durante a primeira parte. O resultado non se pode considerar de malo, pois calquera empate con goles clasificaos, pero deberán sair concentrados ao 100% dende o pitido inicial, como xa fixeron nos encontros de volta das eliminatorias anteriores, sabedores de que vai ser un partido moi complicado.
0 comentarios:
Publicar un comentario