lunes, 24 de octubre de 2011

LIGA DA COSTA 8ª XORNADA: SCD MALPICA 2 - CORME 2

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Dani Varela min.70), Víctor, Iago, Rancaño, Neucha (Dani min.64), Cheo, Pablo, Andrés (David min.73), Alfredo.

CORME CF: Susiño, Adolfo, Alejandro, Jesús, Abel, Diego, Martín (Gonzalo min.85), Adrián, Iago, Lucas (Dani min.90), Alejo.

Árbitro: Vázquez Suárez. Tivo un grave erro no primeiro gol do Corme, pois hai un claro fóra de xogo do dianteiro Iago no arranque da xogada. Tamén estivo algo desatinado á hora de apreciar saques de banda ou faltas, perxudicando indistintamente a ámbolos dous conxuntos. Expulsou ao malpicán Rancaño no min.75 por dobre amarela. Na recta final do encontro, o Malpica reclamou un posible penalti cometido sobre Cheo.



Incidencias: Tarde moi despacible na Pedra Queimada, con vento e choiva durante, practicamente, os 90 minutos. Non obstante, houbo unha gran entrada no campo, cunhas 150 persoas nas bancadas. O defensa do Malpica Marcos Amado tivo que abandonalo terreo de xogo por un esguince de nocello.

Goles: 1-0 (min.25): Falta a prol do Malpica na parte esquerda do borde da área do seu ataque que executa Alfredo cunha gran precisión por encima da barreira. 1-1 (min.31): Adrián realiza unha diagonal dende a banda esquerda, envía en profundidade cara Iago que asiste para que marque Alejo. 1-2 (min.67): Perda de balón dos malpicáns que permite o rápido contragolpe dos visitantes que culmina cunha internada por banda esquerda de Adrián que tras penetrar na área envía cara atrás para que Alejo anote cun tiro preciso dende o borde da área. 2-2 (min.85): Alfredo controla un balón no borde da área tras un rexeite da defensa do Corme, e lanza un gran disparo que se cola preto da escadra esquerda.

Crónica: Despois de sumar tres puntos importantes no complicado campo do Sofán, a SCD Malpica volvía á Pedra Queimada para medirse a un perigoso Corme coa intención de lograr unha victoria que lle permitise meterse na parte alta da táboa clasificatoria. Manuel Agilda non podía contar cos seguintes efectivos: Manu Pardo (por motivos persoais); Nando (con problemas físicos nun xemelgo); Óscar Moscoso; Marco, Miguel Avelino e Charro (estes tres últimos ultiman a súa recuperación de diferentes lesións). A primeira parte estivo igualada, cun Malpica ao que lle costou combinar e que quizáis abusou do xogo directo, mostrando pouca continuidade no seu fútbol e con pouca profundidade. Non obstante, si crearon perigo a balón parado, sacando numerosos saques de esquina pero non estiveron acertados cara ao gol (ademais do gol de falta directa). A mellor ocasión dos malpicáns estivo nas botas de Alfredo que cruzou en exceso un bo servicio de Cheo dende a banda dereita. O Corme mostrou algunha dificultade na parecela defensiva, pero daba sensación de perigo cando lograban combinar no mediocampo e conectar cos seus habilidosos atacantes, ainda que non coseguiron ter oportunidades claras.

No segundo tempo, a SCD Malpica saiu con máis intensidade, presionando máis arriba e tendo agora máis claridade á hora de xogalo esférico. Froito de tal panorama foron as numerosas ocasións das que dispuxeron para poñerse por diante no marcador: un disparo cruzado de Neucha dende a posición de extremo esquerdo; un tiro raso cruzado de Alfredo que Susiño envía a saque de esquina con moitos aputos; remate excesivamente alto de Pablo tras un saque de esquina botado por Alfredo; nova xogada local que conclúe cun centro de Neucha dende a banda esquerda sobre Rancaño pero este dispara alto. Cando parecía que o gol do Malpica era só cuestión de tempo, chegou o gol do Corme nun contragolpe (practicamente no único disparo entre os tres paos neste segundo acto) que supoñía a remontada. Pouco despois chegaría outra mala nova para os locais, a expulsión de Rancaño con case 20 minutos por disputarse, pero lonxe de baixalos brazos, a SCD apretou ainda máis, metendo ao Corme no seu campo e contando con varias accións de perigo, sobre todo nun disparo de Cheo que desviou lixeiramente un defensa cando levaba dirección de gol.

Segue a mala xeira de resultados do Malpica como local, pois en catro encontros leva tan só un triunfo. Sen embargo, deixaron boas sensacións, desenvolvendo un gran encontro na segunda metade, superando ao Corme (inclusive con dez xogadores) pero un erro arbitral no primeiro gol en contra e a gran efectividade dos visitantes provocaron que non se levaran os tres puntos. A vindeira semana a SCD enfróntase ao todopoderoso Club do Mar, máximo favorito para gañala Liga da Costa.

0 comentarios:

Publicar un comentario