lunes, 31 de octubre de 2011

LIGA DA COSTA 9ª XORNADA: CLUB DO MAR 1 - SCD MALPICA 1


Club do Mar: Yago, Rubén (Fran Borrazás min.67), Pablo Corral (Chori min.82), Repi, Álex, Juan Lareo (Isaac min.85), Bertín, Jacobo, Santi Silva, Manu (Luis Lareo min.79), Vituco.

SCD Malpica: Suso, Charlie, Cheo, Víctor, Iago, Alfredo (Casais min.77), Neucha (Miguel min.88), Dani (Charro min.62), Pablo (Marco min.90), Andrés, Nando.

Árbitro: David Brun. Tivo unha actuación bastante correcta, non se deixou intimidar e aplicou o mesmo criterio durante todo o encontro. Sen embargo, os dous equipos protestaron moito os dous goles: os malpicáns reclaman fóra de xogo de Vituco no gol local; pola contra,o equipo de Caión entendeu que o visitante Pablo arranca en posición ilegal xa xogada que supuxo o penalti do empate.


Incidencias: Tarde despexada e cunha temperatura moi agradable no "Nova Porta Santa" de Paiosaco. Gran ambiente no campo, con aproximadamente 250 persoas presenciando o encontro. O xogador do Club do Mar Pablo Corral tivo que ser sustituido tras chocar contra as vallas que delimitan o campo.

Goles: 1-0 (min.18): Falta lateral dende a banda esquerda do ataque local que centra Repi para que Vituco marque de cabeza dende o punto de penalti. 1-1 (min.20): Pablo controla na área un gran pase en longo de Nando, faille un sombreiro a un defensa local que intercepta o balón coa man, indicando o colexiado a pena máxima. O propio Pablo transforma o penalti.


Crónica: Tocaballe á SCD Malpica enfrontarse ao gran favorito para levarse a Liga da Costa 2011/2012, o Club do Mar, o que implicaba unha pedra de toque inmellorable para comprobar se a mellora dos malpicáns que amosaron nas últimas xornadas se consolidaba. O equipo adestrado por Manuel Agilda contaba con varias baixas: Óscar Moscoso; Marcos Amado (cun esguince de nocello); Daniel Varela (mancado nun xeonllo); Manu Pardo (por enfermidade);e Rancaño (sancionado). O partido comezou cun ritmo moi alto, que se mantería durante, practicamente, os 90 minutos, cos dous equipos ben armados e sen dar moitas opcións aos atacantes. Os locais lograban ter máis posesión de balón, pero en zonas pouco perigosas, mentres que os malpicáns agardaban pacientes tratando de aproveitalas oportunidades que se lle poidesen presentar. As accións con perigo de gol foron escasas, destacando, por parte do Malpica, unha falta directa botada por Nando que case sorprende a Yago. Os locais creaban perigo, sobre todo, a balón parado, pero contaron cunha gran oportunidade nun balón que quedou morto tras chocar Suso con Vituco (nunha falta ao gardameta malpicán que non indicou o colexiado) pero os malpicáns lograron despexar antes de que rematase a porta. Nos últimos 10-15 minutos da primeira metade apenas se xogou, pois houbo varios paróns no xogo.

A segunda parte volveu a comezar cos dous coxuntos empregándose con moita intensidade, cun Club do Mar que adiantou líñas despregando un xogo máis directo, pero con pouca profundidade. O Malpica continuou ben posicionado no terreo de xogo, amosandose como un conxunto compacto defensivamente e tentando de aproveitalos espacios que quedaban ás costas dos defensas locais, pero faltoulles un pouco de precisión para poder culminalos seus intentos de contragolpe con maior fortuna, e a pesar de chegar en varias accións á área rival non contaron con oportunidades claras, salvo un disparo de Neucha dende a frontal que Yago atrapou en dous tempos. Tampouco tivo o Club do Mar grandes oportunidades, pero si creou perigo a balón parado, destacando un cabezazo de Juan Lareo que se marchou alto tras un saque de esquina e un remate dun atacante local na recta final do encontro tras un saque de falta lateral que Suso sacou cunha gran intervención.

Partido moi disputado entre dous equipos que se empregaron a fondo, se ben os locais tiveron máis posesión pero atopáronse cun Malpica moi serio e que amosou unha gran entrega na tarde do sábado. Os malpicáns seguen dando unha gran imaxe nos encontros que disputan como visitantes (10 puntos en cinco encontros), agora falta que logren unha maior fortaleza como locais para colarse nos postos altos da táboa clasificatoria. O vindeiro fin de semana a SCD recibe na Pedra Queimada ao Buño, no que será o primeiro derbi da tempada entre os dous equipos do concello na Liga da Costa.

0 comentarios:

Publicar un comentario