lunes, 23 de mayo de 2011

COPA DA COSTA OITAVOS DE FINAL (VOLTA): NANTÓN 1 - MALPICA 0

CD NANTÓN: Martín, Diego (Carlos min.119), Cristian (David Lareu min.119), Félix, Sito, Carlos Vidal, Fabio, Víctor Amado, Luís, Manolo Cruceiro, Javi (Rubén min.51).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado, Víctor, Iago, Nando (Miguel min.91), Neucha, Casais (Cheo min.46), David Blanco, Ismael (Manu Pardo min.46), Eloy.

Árbitro: Lens Ares. Para non perdela costume, o colexiado volveu a ter unha actuación mala que perxudicou ao Malpica. Non cortou en ningún momento o xogo duro dos locais (apenas sacou cartóns amarelos) e sempre picou ante os finximentos dos xogadores do Nantón que esaxeraron en varias ocasións. Expulsou por cartón vermello direto ao visitante Manu Pardo no minuto 80 por empurrar a un xogador local despois de recibir unha dura entrada, pero sen haber agresión nin insultos polo medio. Tamén expulsou ao malpicán Iago por unha entrada sobre Manolo Cruceiro no minuto 90 cando era o derradeiro defensor, pero se a expulsión é xusta, hai que decir que o xogador do Nantón se atopaba en fóra de xogo no inicio da xogada cando recibe un pase coa cabeza de Luís (aquí fallou o linier Vázquez Pasanante que estivo de pena, especialmente a partir do descanso). Por se fose pouco, o gol do Nantón veu precedido por unha clarísima falta a Suso, gardameta do Malpica, que nin o árbitro nin o linier (neste caso Eloy Galán) viron ou non quixeron ver, pois nun saque de esquina non pode collelos descolocados.

Incidencias: Boa entrada e bo ambiente no campo, con preto de 200 afeccionados. Tarde gris e con lixeiro vento, pero cunha temperatura propicia para xogar ao fútbol. O local Javi tivo que ser sustituído tras mancarse nun xeonllo nun choque co seu propio compañeiro de equipo Luís. Como se acaba de expoñer, foron expulsados os xogadores do Malpica Manu Pardo e Iago. Dende este blog quero agradecer o apoio da afección do Malpica que animaron á SCD incondicionalmente, tanto no partido de ida como neste de volta, sendo maioría nas bancadas, e pedirlles disculpas por esta eliminación ante un rival de categoría inferior.

Goles: 1-0 (min.117): Saque de esquina dende o córner esquerdo a favor do Nantón botado por Fabio que remata de cabeza Carlos Vidal á altura do punto de penalti, pero despois dunha falta dun xogador local a Suso que lle obstaculiza a saída dentro da área pequena.

Crónica: Despois do empate a cero goles na Pedra Queimada, a SCD Malpica viaxaba ata Nantón cun resultado bastante favorable, pois un gol case lle aseguraba o pase aos cuartos de final da Copa da Costa. Ademais, á diferencia de outros campos de herba natural (como por exemplo o do Alcaián), o campo do Nantón mostraba un aceptable firme e unhas dimensións propicias para os malpicáns. Manuel Agilda contaba coas baixas dos lesionados Marco e Diego, os dous con problemas musculares. O partido comezou mal para o equipo costeiro, pois na primeira metade non deixaron boas sensacións, con momentos as veces de apatía e con falta de intensidade, o que propiciou que o Nantón gañase a maioría dos balóns divididos e as segundas xogadas. Os locais limitáronse a enviar constantes balóns en longo cara os seus dianteiros, o que lle creou problemas ao Malpica pois había moita distancia entrelíñas e a presión era escasa sobre a saída do balón. Ademais, en ataque apenas lograron combinar con continuidade e non fixeron valer a súa mellor técnica. Sen embargo, a pesar de estar lonxe do seu mellor nivel, tiveron tres ocasións claras: un tiro cruzado de David Blanco que marchou rozando o pao dereito; unha vaselina do propio David tras un pase en profundidade de Eloy que rexeitou o pao esquerdo da portería defendida por Martín; e un cabezazo de Casais no borde da área pequena tras un centro dende a esquerda de Neucha que parou fenomenalmente Martín. Pola contra, o Nantón chegou en varias oportunidades a área de Suso, sendo as accións máis perigosas unha semivolea de Luís dende o borde da área que marchou alto por pouco e nun libre indirecto que Suso rexeitou cunha gran parada.

No segundo tempo o Malpica subio a intensidade e tocou con máis criterio, agora tendo a posesión do balón e tratando de combinar dende atrás, dando a sensación de ir de verdade pola eliminatoria (no partido de ida sucedeu algo semellante, pois na primeira metade tamén xogaran cunha "marcha de menos"). Sen embargo, faltou desborde nos metros finais, e ese dominio non se veu reflexado en oportunidades de gol. Si tiveron unha oportunidade de gol moi clara tras un centro de Neucha dende a esquerda que David Blanco non atina a rematar correctamente cando se atopaba libre de marca no corazón da área. O Nantón continuou fiel ao seu estilo, xogando un fútbol directo e sen complicarse atrás, pero nestes segundos 45 minutos apenas crearon perigo, e tan só fixeron dano por medio de Luís convertido en extremo dereito.

Co 0-0 chegouse ao final do tempo reglamentario, polo que debía de disputarse a prórroga. O Malpica con nove xogadores aguantou moi ben os primeiros 15 minutos, replegados atrás e buscando un contragolpe que lle permitise marcar, ante un Nantón que nin en superioridade numérica logrou combinar. É de resaltar o enorme esforzo que fixeron os malpicáns, pois non é nada doado aguantar tantos minutos (máis de 40 con dez xogadores e máis de 30 con nove) nun campo tan longo e ancho como o do Nantón. O gol local, na recta final do encontro, lonxe de afundir aos visitantes, provocou que se foran arriba sabedores de que non tiñan nada que perder, e mesmo dispuxeron de dúas accións para poder marcar: un cabezazo de Charlie que remata forzado saindo alto, e unha chilena de Neucha dende o punto de penalti que detivo Martín.

Saltou a sorpresa nesta eliminatoria, pois a SCD Malpica (actual semifinalista da Copa da Costa) quedou eliminada ante un rival da Terceira Rexional (ainda que é o vixente campeón), o que pon fin a unha tempada regular. Se ben é certo que a actuación arbitral foi decisiva neste partido, non é menos certo que non lograron marcarlle nin un gol en más de 210 minutos e que estiveron a un nivel inferior do amosado na eliminatoria precedente fronte ao Muros (sobre todo nas dúas primeiras metades).

1 comentarios:

  1. Moi boa crónica, ó igual ca de Luís Porto, a cal comparto íntegramente.

    ResponderEliminar