CD Baio: Manuel; Fermín, José Antonio, Mario, Ramón, (Mel 80’), Sergio Pensado, (Eloy 84’), Jorge, (Felipe 68’), Andrés, Martín MC, (Álex 55’), Guillermo, Alberto.
SCD Malpica: Abraham; Víctor, Marcos Amado, (Brais 83’), Alfredo II, Marco, Casais, Neucha, (Martín 80’), Charly, David Blanco, Carlitos, (Manu Pardo 46’), Eloy.
Árbitro: Sr. Candal Regueira (A Coruña). Correcto en termos xerais pero fallou en dúas xogadas claves: no segundo gol do Baio, Guillermo está en fóra de xogo cando recibe o balón; e no derradeiro tanto dos locais, Felipe controla o balón coa man. Por outra banda, reclamouse un penalti sobre o extremo malpicán Neucha ó comezo da segunda metade (aínda que a xogada ofrece dúbidas).
Goleadores: 1-0; (32’): centro dende a banda esquerda do local Alberto, o balón pasa á altura do borde da área pequena pero nin a defensa nin o porteiro Abraham conseguen despexar e Guillermo marca a pracer no segundo pao. 2-0; (44’): pase en profundidade de Martín dende o medio do campo cara Guillermo que entra so na área cruzando o balón ante o gardamenta visitante. 3-0; (73’): de novo o ex do Malpica Guillermo (impecable durante todo o encontro) logra plantarse so ante Abraham anotando o seu tercerio gol na tarde. 4-0; (86’): Álex de penalti cometido por brais sobre Felipe. 5-0; (88’): golazo de Felipe dende o borde da área tras recibir un pase cruzado dende a banda esquerda. 5-1; (89’): no saque de centro do último gol local, Manu Pardo tira dende uns 50 metros e o balón cólase pola escadra esquerda da meta defendida por Manuel, anotando un dos goles máis espectaculares da tempada.
Ambiente e Incidencias: Tarde nubrada. Pouca xente na grada, unhas 75 persoas. Non houbo que levantar ningún lesionado de gravidade nin ningún expulsado.
Comentario: Nesta 12ª xornada da Liga da Costa a SCD Malpica viaxaba ata Baio despois de superalo temido "tourmalet" (Muros, Camariñas, Xallas e Castriz) e coa intención de sumar unha nova victoria a domicilio ante un Baio situado na zona media-baixa da táboa clasificatoria que viña de perder por 5-3 no campo do Porteño. O Malpica chegaba ao encontro con moitas baixas: Ismael, Busto, Iago e Andrés por lesión; Cheo, sancionado; e Rancaño por motivos laborais. Durante os primeiros minutos do encontro, os visitantes marcaron o ritmo do partido e chegaron con certo perigo á área do Baio, destacando un tiro de David no minuto 20 que se estrelou no longueiro, e dúas faltas botadas por Neucha (minutos 25 e 31) que apiques estiveron de convertirse en gol ante as dúbidas do porteiro Manuel. Sen embargo, foron constantes as imprecisións na circulación de balón e os erros non forzados, dando a sensación de certa presa por chegar a portería contraria. O Baio so creaba perigo por medio de Guillermo, que tras avisar cun disparo cruzado que despexou Abraham a córner, logrou dous tantos antes do descanso.
No segundo tempo, a SCD Malpica si logrou un maior control de balón e máis posesión do esférico, pero foi un dominio estéril xa que apenas logrou chegar ás inmediacións da área do Baio, e so nos minutos finais tirou a portería (Casais no minuto 90 tirou dende fóra da área ao longueiro), ante un porteiro que se mostrou moi inseguro durante toda a tarde. Nesta parte, os locais atrasaron líñas esperando un contraataque que lle permitira sentencialo partido, mentres que Guillermo seguía creando perigo constantemente, contando cunha ocasión clarisima nun man a man que parou Abraham.
Foi un partido bastante gris de ámbolos dous equipos, sen fútbol combinativo e desputado principalmente na franxa do mediocampo, pero a efectividade do Baio resultou letal (con 7 tiros con perigo marcou 5 goles) comandado polo dianteiro Guillermo, o gran protagonista do partido. Faltoulle ó Malpica algo da intensidade e da agresividade que tivo en xornadas anteriores, pero o castigo recibido foi desproporcionado. Tras esta 12ª xornada, a SCD Malpica descende ata a séptima posición, sumando dúas goledas nos dous últimos desprazamentos e conseguindo so 4 puntos dos últimos 15 desputados. Esperemos que este "pequeno bache" quede pronto atrás, tendo a primeira oportunidade a vindeira xornada na Pedra Queimada ante un recén ascendido, o Vimianzo (14º na clasificación).
0 comentarios:
Publicar un comentario