lunes, 8 de marzo de 2010

CAMARIÑAS 6 - MALPICA 1

CAMARIÑAS CF: Rubén, Pesqui, Ogando, Antelo, Maikel, Moriño (Nico 69’), Brais (Iago 75’), De la Sierra (Ismael 46’), Javi, David (Breo 52’), Gerardo (David Correo 66’).

SCD MALPICA: Toni, Víctor, Marcos Amado (Casais 55’), Alfredo II (Carlitos 55’), Iago, Eloy (Ismael 64’), Neucha, Cheo, David Blanco, Rancaño (Martín 64’), Charlie.

Árbitro: Sr. Yáñez Muiño. Non tivo unha gran actuación, pois concedeu o segundo gol dos locais en fóra de xogo e non foi quen de impor a súa autoridade en ningún momento, a pesar de que non foi un partido bronco.

Goleadores: 1-0 (14’): Balón perdido polos visitantes á altura do mediocampo, pase en profundidade cara David que aproveita a súa velocidade para plantarse ante Toni e batelo de vaselina. 2-0 (20’): Brais recibe só en á altura de tres cuartos de campo, envía o balón en profundiade a Javi e este cédelle o balón a Gerardo para que anote a porta baldeira en presumible fóra de xogo. 3-0 (24’): Xogada de Javi pola banda esquerda, gaña a liña de fondo e envía o balón ó segundo pao onde aparece Gerardo libre de marca para marcalo seu segundo gol. 4-0 (60’): Ogando bota unha falta dende a banda esquerda do ataque local, o esférico chégalle a Ismael que remacha no segundo pao sen apenas oposición. 5-0 (64’): Saque de esquina a prol do Camariñas remachado cun forte disparo de Ismael dende a frontal da área. 5-1 (76’): Gran xogada de Cheo por banda dereita, despois de desfacerse de varios rivais envíalle un centro perfecto a David Blanco que fai o gol da honra visitante cun preciso cabezazo. 6-1 (83’): Falta a favor do Camariñas no borde da área botada por Maikel rematada por Breo de cabeza ante a indecisión da defensa e porteiro malpicáns.

Ambiente e Incidencias: Un cento de afeccionados en Hermanas Patiño. Tarde moi fría e nubrada. Foron sustituídos os locais David e Moriño con molestias físicas. Non houbo tarxetas vermellas.

Comentario: Tratátabase, a priori, dun encontro que medía a dous equipos cun nivel similar (so estaban separados por un punto na táboa clasificatoria) e moi atractivo, pero dende o primeiro minuto se puido comprobar que non ía a sela tarde dos malpicáns. Manuel Agilda non podía contar para este encontro con Marco e Manuel (ámbolos dous por sanción), Andrés (de viaxe) nin Brais (por asuntos académicos). Dende o pitido inicial quedou claro que era a "cara b" da SCD Malpica a que tocaba ver nesta 26ª xornada da Liga da Costa, pois en ningún momento dos primeiros 45 minutos logrou estar cómoda no terreo de xogo nin soubo contrarrestalo xogo camariñán. O desorde táctico, había moita distancia entre liñas, e a falta de chispa (parecía que os locais andaban cunha marcha máis) provocou que a presión en mediocampo fose inexistente e a aparición dunha gran cantidade de espacios que foron moi ben aproveitados polos atacantes locais. A pesar disto, e de que o xogo en ataque tampouco era fluído, o Malpica tivo algunha boa ocasión de gol na primeira metade, sobre todo mediante sendos disparos de Neucha e de David Blanco.

No segundo acto, a SCD adiantou liña e xogou en menos metros de campo, logrando presionar moito mellor e pasando menos apuros defensivos, pois o xogo desenvolveuse maioritariamente na parcela do campo ocupada polo Camariñas. Sen embargo, a efectividade local nesta parte foi, practicamente, do 100% (aínda que o dianteiro Javi marrou un penalti por mans de Iago que detivo Toni), aproveitando ben as xogadas a balón parado, un dos puntos flacos do Malpica nas últimas xornadas. Por outra banda, puidose ver un certo cambio de actitude dos visitantes, o que unido a unha menor distancia entre liñas, fixo que recuperasen o balón máis preto da portería do Camariñas permitindo crear unha maior sensación de perigo, aínda que non contou con oportunidades claras de gol.

Mala imaxe mostrada pola SCD Malpica en Hermanas Patiño na tarde de onte, especialmente na primeira parte, mostrando unha certa irregularidade nos últimos partidos, combinando encontros (ou partes de encontros) boas con outros partidos nos que falta ambición. Non obstante, a pesar do duro correctivo que sufriron, os xogadores non deben caer no pesimismo, senón aprender dos erros cometidos, darse conta de que sen a actitude necesaria calquera equipo che gaña (e se se trata dun dos equipos punteiros te golea) e pensar que a vindeira semana hai outro partido, nada máis e nada menos que contra o Xallas (2º clasificado), o que supón unha doble oportunidade: primeiro para cambialo sabor de boca deixado fronte ó Camariñas e, segundo, para "vengala" derrota sufrida na primeira volta en Santa Comba (4-1) e seguir aspirando á 3ª plaza.

0 comentarios:

Publicar un comentario