lunes, 1 de marzo de 2010

MALPICA 1 - MUROS 1

SCD MALPICA: Toni (Abraham 86’),Víctor, Marcos Amado, Iago, Marco, Manu Pardo (Ismael 86’), Neucha (Brais 91), Casais, David Blanco, Andrés (Charlie 59’), Rancaño (Martín 89’).

MUROS SD: Rubén, Iván (Adán 73’), Paqui, Teo, Gael, Álvaro, Brais (Gelo 69’), Edu (Manu 63’), Quico, Bibi (Pesco 77’), Sexo.

Árbitro: Melián Otero. Ben na primeira metade, pero na segunda complicouse o encontro e non soubo impoñer a súa autoridade ante as constantes protestas dos xogadores de ámbolos dous equipos. Non indicou un penalti a prol dos locais por unhas mans claras na área muradana.

Goleadores: 1-0 (75’): Balón bombeado sobre a área visitante tras un saque de falta de Víctor dende o medio do campo, e no forcexeo por lograr cabecealo esférico, o visitante Teo agarra a Charlie impedíndolle o remate. A pena máxima é transformada por Neucha. 1-1 (90+4): Saque de esquina a prol do Muros botado por Sexo dende a banda esqueda rematado por Gael, nun gran cabezazo que toca no poste antes de entrar na meta malpicán.

Ambiente e Incidencias: Unhas 100 persoas na Pedra Queimada. Tarde sen choiva e con lixeiro vento. Non houbo expulsados. Tiveron que ser sustituidos por lesións musculares o visitante Iván e o porteiro local Toni.

Comentario: Visitaba a Pedra Queimada o Muros, unha das "bestias negras" da SCD Malpica nas últimas tempadas. Os locais non podían contar con Alfredo II (por motivos persoais), nin cos sancionados Eloy e Cheo. O encontro comezaba moi ben para os xogadores de Manuel Agilda, xa que saíron moi enchufados ó encontro e foron os claros dominadores da primeira metade, sobre todo durante os 30 minutos iniciais, tentando combinar con rapidez para aproveitalas deficiencias defensivas do Muros, aínda que as mellores ocasións chegaron por medio de disparos lonxanos de Neucha (en dúas ocasións, unha de falta) e outro de Manu Pardo, ademais dunha clara oportunidade de Rancaño tras unha xogada individual dentro da área que culmina cun disparo que sale rozando o pao esquerdo da portería defendida por Rubén. Cando se aproximaba o descanso, o Muros comezou a apretar algo máis, pero apenas creou perigo, pos os locais presionaban ben no mediocampo e a defensa mostrábase segura cando tiña que intervir. Non obstante, cabe destacala ocasión de Quico no min. 40.

No segundo acto, o partido nivelouse, e o fútbol de toque e control desapareceu, pois foi gañando protagonismo o xogo en medio campo e con pouca profundidade, ademais de aumentalas imprecisións. A SCD tentou buscala portería contraria con pases en profundidade, aproveitando a maior velocidade dos seus atacantes, pero a pesar de chegar con perigo á área visitante, non foi quen de marcar (salvo de penalti); mentres que no aspecto defensivo continuou sen problemas serios. Destaca unha ocasión de Neucha a centro de Charlie, un "pase da morte" de Neucha que non atopou rematador e un man a man que David Blanco non soubo definir ante rubén tras un gran pase de Ismael. Pola súa parte, o Muros subíu líñas e acumulou máis xente en ataque, especialmente tra-lo gol local, pero non contou con ningunha oportunidade de gol clara.

Partido que deixa un mal sabor de boca, non só polo empate no min. 95, se non que polo visto o desenrolo do partido pódese decir que a SCD Malpica deixou escapar dous puntos ante un Muros que está moi por debaixo do nivel amosado o ano pasado cando quedou subcampión. A pesar de que sone a tópico, onte cumpriuse o dito de que quen perdoa acábao pagando. Tra-la desputa da 25ª xornada da Liga da Costa, o Malpica queda situado con 43 puntos, empatado na terceira posición co Sofán, Castriz e San Lorenzo. A vindeira semana, os azulóns desprázanse a Camariñas para xogar ante un dos mellores conxuntos da competición.

0 comentarios:

Publicar un comentario