SCD MALPICA: Toni, Víctor, Marcos Amado, Iago, Marco (Alfredo II 82’), Rancaño (Manu Pardo 65’; Eloy 69’), Neucha, Casais, David Blanco, Cheo (Ismael 81’), Charlie.
XALLAS CF: Chely, Ismael, Sergio Pose (José Ángel 79’), Álvaro, Lobo (Iván Forján 46’), Ricardo, Rubén, Pepe, Ventura, Toni (Carlos 71’), Jesús.
Árbitro: Sr. Ramos López. Moi desatinado xa que na primeira parte non sinalou dous claros penalis a favor da SCD Malpica, un cometido sobre David Blanco cando encaraba a portería rival e outro por unhas mans nun centro de Cheo. Ademais, durante todo o partido non foi quen de paralo xogo duro dos visitantes, especialmente nos balóns aéreos divididos, pois apenas sacou tarxetas amarelas.
Ambiente e Incidencias: Día despexado pero cun vento moderado. Boa entrada na Pedra Queimada, cuns 125 espectadores. O mediocentro malpicán Manu Pardo foi sustituído ó pouco de entrar no terreo de xogo ó quedar conmocionado por un balonazo na cabeza. Non houbo expulsións.
Comentario: Recibía a SCD Malpica na Pedra Queimada a un dos dous candidatos a gañala liga, o Xallas (2º clasificado a catro puntos do Zas). O equipo malpicán chegaba a este encontro despois de sair goleado a semana pasada en Camariñas, pero coa intención de dar outra imaxe ante a súa afección. Manuel Agilda podía contar con tódolos xogadores do plantel, a excepción de Andrés (por viaxe). As dúbidas que o equipo suscitara a xornada pasada quedaron disipadas dende o primeiro minuto, pois os locais entraron no partido con moita intensidade e concentración, sabedores de que senón xogaban ó 100% pouco terían que facer ante tan potente rival. O Malpica presionou moi ben, xuntando as liñas en poucos metros e tratando de combinar cando recuperaban o esférico, axudado polo vento a favor. Durante esta primeira parte, os locais disfrutaron de varias ocasións clarísimas de gol, dúas nas botas de David Blanco (en sendos mans a mans) e outra de Casais que disparou alto tras plantarse só ante Chely. Pola súa banda, o Xallas tentaba chegar mediante balóns longos para aproveitala velocidade e técnica dos seus atacantes, pero só contou cunha ocasión clara nos primeiros 45 minutos mediante un cabezazo que marchou fóra por pouco.
Na segunda metade, e co vento en contra, os azulóns apenas disfrutaron de oportunidades de gol ante un Xallas que pasou a selo dominador do encontro, axudado polo seu poderío físico e co mediocentro Toni como canalizador do xogo ofensivo, aínda que sempre abusando do xogo directo. Sen embargo, o Malpica continuou defendendo ben, sen pasar excesivos apuros. Aínda así, os visitantes tiveron varias oportunidades gol, sobre todo nos pés de Ventura, pero o porteiro malpicán Toni tivo unha tarde inspirada e evitou que o gol subira ó marcador. A SCD contou coa derradeira ocasión, xa no desconto, que culminou cun disparo de Neucha tras un xogada persoal, pero que saiu fóra.
Meritorio empate do Malpica que logrou neutralizalo potente ataque xalleiro (é o conxunto que máis golea, con 64 goles a favor), pero non foi quen de anotalas claras ocasión de gol das que disfrutou no primeiro acto (ademais dos dous penaltis que se "tragou" o colexiado). Tamén hai que recoñecela superioridade do Xallas na segunda metade, polo que o empate pódese considerar como xusto, aínda que deixa un sabor "agridulce" nos malpicáns pois que fixeron méritos máis que suficientes para ir con vantaxe ao descanso. A vindeira semana a SCD viaxa ata Castriz, quizáis o conxunto máis en forma na segunda volta, tentando buscar unha vitoria que lle permita seguir nos postos altos da táboa clasificatoria.
0 comentarios:
Publicar un comentario