lunes, 31 de mayo de 2010

COPA DA COSTA: MALPICA 2 - CARNOTA 1

SCD MALPICA: Abraham, Charlie, Marcos Amado, Iago, Marco, Rancaño, Neucha (Casais min.69),Cheo (Miguel Dourado min.84), David Blanco, Andrés, Manu Pardo (Ismael min.69).

UD CARNOTA: José Ángel (Luís min.46), Nico, Jorge, Santi, Charly, Pedro, Cololo, Joselu (David min.71), Nico Alvarado, Tono (Andrés min.67), Manoliño.

Árbitro: Suárez Lamas (de Primeira Rexional). Mala actuación na tarde de onte, pois permitiu que os veteranos xogadores carnotáns desenvolvesen tódalas súas "artes" neste tipo de encontros (sobretodo en perdas de tempo). Ademais, mantivo unha actitude chulesca durante todo o encontro. Non indicou un claro penalti cometido sobre o local David Blanco ó comezo do encontro tras ser empurrado por detrás cando encaraba a portería rival. Estivo asistido por Lago Barros e Taboada Dafonte, que estiveron correctos en termos xerais, anulando un gol ó Carnota por evidente fóra de xogo na primeira metade.

Goleadores: 0-1 (min.33): Pase de Cololo cara o borde da área onde aparece Nico Alvarado, collendo por sorpresa á defensa local, e "fusila" por baixo a Abraham tras un gran control orientado co peito. 1-1 (min.40): Pase en longo de Marcos Amado cara David Blanco, o ariete pelexa a posesión do esférico provocando o erro do central Santi, e bate de tiro raso ó gardamenta visitante. 2-1 (min.77): Boa xogada por banda dereita da SCD Malpica que remata cunha gran internada na área de Cheo por esa mesma banda anotando o gol da victoria local de tiro forte que se cola polo primeiro pao.

Ambiente e Incidencias: Moi bo ambiente e gran entrada na Pedra Queimada, cuns 200 espectadores. Boa temperatura e ceo despexado, nun día típico de primaveira. Non houbo cartóns vermellos. Houbo que lamentala lesión do gardameta do Carnota José Ángel, que tivo que ser sustituído no descando tras un golpe cun rival.

Comentario: Tras eliminar ó Zas (campión da Liga da Costa) e ó Cerqueda (no derbi local), a SCD Malpica recibía na Pedra Queimada ó Carnota no partido de ida dos cuartos de final da Copa da Costa, un dos equipos "gafes" do conxunto malpicán nas últimas tempadas e tamén na Copa, xa que nas dúas eliminatorias precedentes entre ámbolos dous conxuntos (anos 1978 e 1995) acabaron pasando os carnotáns sen que o Malpica fose quen de vencer en ningún encontro. Para este encontro, o adestrador Manuel Agilda contaba coas baixas de Braix (por estudos) e de Eloy (sancionado). O partido comezou cun Malpica moi enchufado, con gañas de dar unha boa imaxe e de lograr un resultado positivo de cara á volta. Non foi unha metade con fútbol espectacular, pero si con moita intensidade, na que o conxunto azulón tentou de rasealo balón e entrar por bandas, facendo sufrir á defensa visitante. Así, contaron con tres grandes situacións de gol: a xogada do penalti non sinalado, que culmina cun tiro de David Blanco que parou o gardameta José Ángel e o propio rexeite rematado por Rancaño que petou nun defensa e marchou fóra; unha falta botada por Neucha que foi fóra por moi pouco; e un centro de Cheo por banda dereita que David Blanco non logra rematar e que Neucha non atina a convertir no segundo pao pois o seu tiro en boca de gol foi rexeitado por un xogador visitante. Pola contra, a UD Carnota trata de crear perigo mediante fútbol directo e por banda dereita (cun Nico Alvarado moi activo), pero non tivo ocasións claras, mentras que na parcela defensiva dominaba o xogo aéreo pero sufría cando os locais raseaban o coiro.

No segundo acto, o partido entrou nunha dinámica lenta, propiciada pola deliberada perda de tempo dos carnotáns en cada saque a balón parado (algo que xa comezara a ocorrer nos últimos minutos da primeira parte), propiciando que o ritmo do partido se rompese constantemente. Sen embargo, a partir dos minuto 60-65 de xogo o encontro volveu a recobrala loita e velocidade dos primeiros 45 minutos, cun Malpica que tentaba por tódolos medios marcar un segundo gol que maximizase as súas opcións de pasala eliminatoria, coa defensa adiantada e coa contenda desenvolvendose maioritariamente na parcela do campo defendida polo Carnota, volveu a crear perigo, especialmente, por banda dereita, contando coa oportunidade máis clara nun saque de falta botada por Cheo que sacou cun paradón o gardameta Luís. O Carnota, que defendía bastante atrás, buscou un posible "contragolpe salvador", e contou con tres grandes oportunidades en sendos balóns á espalda da defensa local co empate no marcador: dous mans a mans de Manoliño (un en fóra de xogo) que non acertou a anotar, e un disparo de Nico Alvarado tras un pase cruzado que salvou moi ben Abraham.

Partido típico de Copa da Costa o vivido na Pedra Queimada, con dous rivais con forzas similares pero con estilos opostos, na que a intensidade no terreo de xogo e nas gradas (sempre dentro da deportividade) foron as notas predominantes, pero que deixa un bo sabor de boca nos malpicáns, xa que conseguiron dárlle a volta ó marcador ante un rival moi difícil de batir nestas circunstancias, sobretodo vistos os precedentes. Con este triunfo, a SCD segue coa súa boa xeira de resultados na Copa, onde suma catro vitorias en cinco encontros desputados. Sen embargo, a eliminatoria queda totalmente aberta para o partido de volta que se desputará o próximo domingo en Lombáns (Carnota).

4 comentarios: