lunes, 3 de mayo de 2010

MALPICA 0 - PORTEÑO 0

SCD MALPICA: Abraham, Braix, Marcos Amado, Alfredo II, Gonzalo (Víctor min. 46), Martín, (Rancaño min. 52), Casais, Miguel Dourado (Eloy 54’), Carlitos (David Blanco min. 46), Manu Pardo, Ismael.

CF PORTEÑO: Asiel, Iago, Manuel, Rosquilleiro, Valeiro, Jorge (Rubén min. 78), Carlos, Robertito, Cousillas (Brais min.59), Juan Carlos, Asturiano (Martín min.74).

Árbitro: Sr. Brea Sánchez. Tivo un partido bastante tranquilo onde non houbo xogadas polémicas, e acertou nas grandes cuestións: o Porteño protestou dous penaltis na segunda metade, pero ningún das dúas accións foron suficientes para indicar tal infracción; e tamén acertou indicando a pena máxima cometida sobre Manu Pardo.

Ambiente e Incidencias: Tarde fría e encapotada na Pedra Queimada. Unhas 70 persoas acudiron ó campo. Non houbo expulsados nin lesionados de gravidade.

Comentario: Segundo partido do fin de semana para a SCD Malpica, despois de xogar o sábado fronte ó Zas na Copa da Costa. A pesar de non ter baixas por lesión nin sancionados, o adestrador local Manuel Agilda confeccionou un once inicial completamente diferente ó do día anterior, buscando repartir minutos entre tódolos membros do plantel. Os primeiros 45 minutos foron moi nivelados, cun Malpica que combinou ben en certos momentos pero falto de regularidade, alternando xogadas de mérito con precipitacións e imprecisións. Houbo certas aproximacións perigosas por parte dos locais, pero escasas oportunidades claras de gol, destacando un disparo de Manu Pardo que atallou o porteiro Asiel, unha semi-chilena de Miguel Dourado que saiu cara as mans do gardameta visitante e un balón en profundidade sobre Carlitos ó que non chegou por pouco. En canto ó Porteño, que se xoga a permanencia nesta recta final do campionato ligueiro (por culpa dos arrastres de categorías inferiores), tratou de buscala portería rival mediante xogo directo e en xogadas a balón parado, contando con algunha ocasión clara: un man a man que salvou Abraham, un saque de esquina botado por Juan Bello que apiques estivo de colarse directamente e un disparo do mesmo protagonista que marchou alto.

Na segunda parte, o Malpica fíxose co control do partido, especialmente nos primeiros 25 minutos deste acto, sendo o claro dominador da franxa do mediocampo e sen pasar apuros na parcela defensiva, pero sen excesiva profundidade. A partir da pena máxima fallada por David Blanco (non ten o "santo de cara" esta tempada nesta especialidade) preto do minuto 70, o encontro entrou nunha fase un tanto descafeinada, pois os malpicáns non se "xogaban nada" máis que a honra, e o Porteño, inexplicablemente, tampouco parecía que tivera un gran interese en buscar un hipotético gol que lle dera a vitoria e seguir vivos na Liga. Ademais do penalti, ó comezo da segunda metade David Blanco mandou un cabezazo ó longueiro tras un centro de Manu Pardo dende a banda dereita. O Porteño só tivo presencia en ataque mentras lle "durou a gasolina" a Juan Bello, o seu xogador máis activo na tarde de onte.

Tras este partido conclúe a tempada ligueira para o conxunto de Manuel Agilda en canto a partidos como local se refiere, acumulando as seguintes cifras nos 17 encontros desputados na Pedra Queimada: 32 puntos, 8 vitorias, 8 empates, 1 derrota (fronte ó Zas), 35 goles a favor e 12 en contra. A vindeira semana a SCD terá que desprazárse ata Esteiro para desputala 34ª xornada da Liga da Costa, derradeira nesta tempada 2009/2010.

0 comentarios:

Publicar un comentario