SCD MALPICA: Toni, Charlie, Víctor, Iago, Marco, Andrés (Ismael min. 85), Neucha, Cheo, David Blanco, Rancaño (Manu Pardo min. 46), Eloy (Casais min. 72).
SPORTING ZAS: Norberto, Dani, Pereiro, Luís, Mario (Churián min. 76), Juan, Pequi (Fabián min. 92), Quico, Ismael (Diego min. 86), Braulio, Víctor (Rubio min. 63).
Árbitro: Sr. Chouciño Landeira. Tivo moitos erros de apreciación, tanto en lances de xogo como á hora de aplicala lei da vantaxe, equivocándose indistintamente para un lado e para outro. Os locais reclamaron un penalti sobre Casais na recta final do encontro cando encaraba só a portería rival, saldándose a xogada con falta en ataque, algo que foi moi protestado polos malpicáns.
Goles: 0-1, min 25: Falta lateral escorada a prol do Zas situada a uns 25-30 metros da portería malpicán, o visitante Víctor pretende centrar pero golpea deficientemente o balón que sae bombeado e frouxo cara a meta defendida por Toni, pero éste non consegue atalla quizáis por un exceso de confianza.
Ambiente e incidencias: Partido desputado na Pedra Queimada nun horario pouco habitual, ás 12:00, ante un cento de espectadores. Boa temperatura para practicar deporte. Non houbo expulsados nin lesionados de consideración.
Comentario: A SCD Malpica estreábase na Copa da Costa 2010, e como primeiro plato visitaba a Pedra Queimada, nada máis e nada menos, que o líder da Segunda Rexional, o Sporting Zas. O equipo adestrado por Manuel Agilda pretendía facer valer o "factor campo", e para elo dispoñía de tódolos xogadores para o encontro. Na primeira metade, a igualdade foi a nota predominante, pois os dous equipos tentaban construilas xogadas dende atrás e buscar ós seus dianteiros para aproveitalos amplos espazos que ofrece o terreo de xogo malpicán. Sen embargo, apenas houbo ocasións de gol para ningún equipo, e as defensas gañábanlle a partida ós ataques. Pola parte do equipo costeiro, cabe destacala entrega dos seus xogadores, ben plantados no campo e anticipándose en tódalas parcelas do campo, pero quizáis faltou un pouco de profundidade (hai que ter en conta que a eliminatoria dura 180 minutos). Nestes primeiros 45 minutos cabe destacala ocasión que tivo David Blanco que tras driblar a Norberto tira desviado debido a que contaba con pouco ángulo. Pola parte do Zas, tratou de "nadar e gardala" roupa, sobre todo despois de adiantarse no marcador, e limitouse a buscar ó seu atacante Braulio con balóns longos, pero apenas creou perigo.
Tralo paso polos vestiarios o partido cambiou por completo, xa que o Malpica estaba obligado a arriesgar un pouco máis e buscar, cando menos, un gol que permitira empatala contenda, pero tendo en conta que outro gol en contra poñía a eliminatoria moi costa arriba. A principal novidade foi o cambio de sistema, pois do 4-1-4-1 da primeira metade pasouse ó 4-4-2 para ter máis agresividade na parcela ofensiva. Froito de todo isto, os locais lograron unha maior profundidade en ataque, creando perigo tanto en combinacións en corto como con balóns en longo e metendo ó Zas no seu terreo de xogo durante, practicamente, toda esta segunda metade. Así, os malpicáns dispuxeron de varias oportunidades de gol, destacando as ocasións de David Blanco (min. 60 e 67), unha de Cheo (min. 79) tras un bo centro de Charlie, e sendos saques de falta directa botadas por Neucha e Manu Pardo que salvou Norberto. O Zas, neste período botouse atrás, pero defendeu con orden, cun Norberto que dou mostras de seguridade e veteranía ó longo de todo o partido, mentras que en ataque esperaban a que algún contragolpe lles permitira marcalo segundo gol. Destacaron dúas ocasións de Braulio tras xogadas por banda esquerda que remataron con sendos disparos desviados.
O Malpica deixou boas sensacións na tarde de onte, e mereceu a vitoria máis que o Zas, pero o conxunto visitante atopouse con un gol de fortuna en forma de gol ós 25 minutos que condicionou ó posterior desenvolvemento do encontro. Quizáis faltou algo de efectividade de cara a gol, pois si houbo ocasións de gol, pero o Zas parece sela "besta negra" dos malpicáns neste aspecto, xa que en tres partidos desputados esta tempada entre ámbolos dous equipos non lle marcaron ningún gol. Sen embargo, non debe cundilo pesimismo, posto que se a vindeira semana xogan en San Andrés coa mesma intensidade e igual de concentrados que no partido de ida seguro que lle poden dala volta á eliminatoria (cun gol xa estaría empatada).
0 comentarios:
Publicar un comentario