lunes, 10 de mayo de 2010

COPA DA COSTA: ZAS 1 - MALPICA 3

SP. ZAS: Elías, Dani (Ismael min. 73), Pereiro, Julián, Luís, Mario (Jorge min. 73), Peke, Kiko, Juan, Braulio (Churián min. 86), Rubio (Diego min. 86).

SCD MALPICA: Toni, Charlie, Víctor, Iago, Marco (Braix min. 87), Eloy (Manu Pardo min. 64), Neucha (Casais min. 78), Rancaño (Ismael min. 82), David Blanco (Marcos Amado min. 86), Andrés, Cheo.

Árbitro: Sr. García Rodríguez. Tivo unha actuación bastante decente, nun partido no que tampouco houbo excesivas complicacións, contando coa axuda dos xuíces de líña (Taboada Dafonte e Pérez Rollán) á hora de indicalos fóra de xogo. Non obstante, non gustou a súa actitude un tanto chulesca. Os malpicáns reclamaron mans de Braulio no gol do Zas que o colexiado interpretou como involuntarias.

Goleadores: 0-1 (min. 20): Saque en longo do gardameta visitante Toni que bota preto da área do Zas, a defensa e o porteiro non se entenden aproveitando Rancaño para marcar de cabeza, sendo o máis listo de tódolos implicados na xogada. 1-1 (min. 27): Pase en profundidade de Kiko cara Braulio, a defensa malpicán non logra despexar quedando o esférico morto para que o propio Braulio encare a portería visitante e bate a Toni cun potente zurdazo. 1-2 (min. 65): Saque de esquina botado por Neucha dende a banda dereita sobre o punto de penalti, Rancaño peina o balón e no segundo pao aparece Charlie para cabecear case sobre a líña de gol. 1-3 (min. 84): Gran disparo de Manu Pardo dende uns 30 metros que colle a Elías adiantado.

Ambiente e Incidencias: Encontro desputado o sábado 8 de maio ás 12:00 horas ante uns 75 espectadores en San Andrés. Tempo frío e con choiva intermitente. Non houbo expulsados. O defensa visitante Marco tivo que ser sustituído case ó final do partido cun problema muscular.

Comentario: A SCD Malpica chegaba a Zas coa intención de remontala eliminatoria correspondente ós dezaseisavos de final da Copa da Costa, pois a semana pasada perderan na Pedra Queimada por cero goles a un. Para tan complicada tarefa, o adestrador Manuel Agilda contaba con tódolos compoñentes do plantel, a excepción do gardameta Abraham (por asuntos persoais). Notouse dende o comezo da contenda que os malpicáns estaban metidos no encontro, saíndo moi enchufados e sendo moi "agresivos", conscientes de que non había máis remedio que marcar, cando menos, un gol para empala eliminatoria. Coa líña defensiva situada moi arriba e co equipo moi xunto á hora de defender, os roubos de balón eran constantes non permitindo ós locais desplegalo seu xogo combinativo habitual. En ataque, a posesión do esférico foi propiedade do Malpica, sobre todo ata o gol de Braulio, entrando ben polas bandas e creando perigo tamén a balón parado. As mellores ocasións visitantes foron as seguintes: unha gran xogada de Cheo que culmina cun centro que non atopa rematador; dúas faltas botadas por Neucha, unha salvada moi ben por Elías e outra que saiu rozando a escadra esquerda; e un disparo de Cheo a porta valeira dende uns 30 metros que saiu fóra tras un mal pase do gardameta Elías. Por parte do Zas, o perigo levabao case sempre o seu atacante Braulio, pero só contou con dúas ocasións claras: un disparo cruzado de Braulio que atallou Toni e un cabezazo do mesmo protagonista tras un saque de esquina.

Na segunda metade, e coa eliminatoria a favor dos locais, o partido foi un pouco máis "espeso", conscientes ámbolos dous equipos de que un gol en calquera sentido podía ser decisivo. Sen embargo, a SCD non baixou os brazos en ningún momento e continuou ben situado no campo presionando constantemente en campo rival, pero sen moita profundidade en ataque. Esta situación rematou co segundo gol malpicán, pois a partires de ahí só houbo un equipo no terreo de xogo, pois o Zas non dou a sensación de poder meterse no encontro tras encaixalo gol. Os visitantes contaron con dúas ocasións clarísimas de gol en sendos mans a man de Rancaño e de Manu Pardo, pero ningún dos dous atinou a marcar, xa que o primeiro disparou fóra tras unha gran cesión de David Blanco e o segundo tentouno de vaselina que detivo o gardameta Elías. Pola sua banda, o campión da Liga da Costa só sumou unha oportunidade de gol por medio dun tiro de Rubio que saiu alto.

Gran partido o desputado polo Malpica en San Andrés, que refrendou as boas sensacións deixadas no partido de ida (a pesar do resultado adverso), e que foi mellor tendo en conta os 180 minutos que durou a eliminatoria. Ademais, o conxunto costeiro rompe o "meigallo" que parecía perseguilo na Copa, pois xa había varias edicións que non lograba superala rolda de dezaseisavos. O vindeiro rival do equipo adestrado por Manuel Agilda será o Cerqueda (oitavo clasificado na Terceira Rexional que ven de eliminar ó Outes), o que será un derbi histórico entre os dous equipos do concello, pois dende principios dos anos 80 non se enfrontan na Copa.

0 comentarios:

Publicar un comentario